A Fundación Laboral de la Construción de Galicia colabora cun grupo de traballo da Xunta de Galicia para impulsar os materiais reciclados
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou onte en Santiago na reunión constitutiva deste organismo xunto con outros departamentos autonómicos e entidades do sector, que ten como obxectivo converter os residuos en novos recursos e fomentar o seu uso en proxectos de obras públicas
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia colabora, xunto coas entidades reprentativas do sector na comunidade, cun grupo de traballo da Xunta de Galicia para a posta en marcha dun novo grupo de traballo para o impulso do uso de materiais reciclados en proxectos de obras públicas.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou onte na sede da entidade paritaria en Santiago na reunión constitutiva deste organismo, no que ademais doutros departamentos autonómicos -a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas e a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa- tamén participan representantes da Fundación Laboral de la Construcción de Galicia, da Fundación Galicia Constrúe e da Federación Galega da Construción.
Creación dunha matriz galega de usos de materiais reciclados
Durante a súa intervención, a responsable autonómica explicou que o obxectivo principal co que nace esta iniciativa é impulsar a aplicación práctica no sector público de áridos reciclados procedentes de residuos da construción e da demolición e de materiais bituminosos (betúns e alcatráns) recuperados tamén das obras, buscando sempre as máximas garantías desde o punto de vista técnico, ambiental e administrativo.
Para avanzar nesta dirección, o grupo de traballo encargarase de definir os instrumentos necesarios para pasar da valorización destes materiais ao seu uso efectivo en proxectos públicos, pregos de condicións e contratos. De feito, a primeira proposta para o grupo de traballo constituído hoxe é avanzar na creación dunha matriz galega de usos que relacione cada tipo de material reciclado co resto de información necesaria para poder utilizalo na execución dunha obra pública. É dicir, para que usos específicos poden empregarse con seguridade xurídica, que garantías e requisitos deben cumprir ou como se deben acreditarse, contratarse e posteriormente recepcionarse na propia obra.
A partir desta matriz, segundo explicou a conselleira, poderán elaborarse diferentes instrumentos de implantación como poden ser unha guía ou instrución a nivel autonómico, modelos de cláusulas para proxectos e pregos administrativos ou a posta en marcha de experiencias piloto, entre outros.
Novos produtos elaborados a partir da reciclaxe
Como punto de partida, o grupo de traballo tomará como base os datos de xestión destes residuos existentes en Galicia, estudará os novos produtos elaborados a partir de materiais reciclados e os sectores con posibles aplicacións. Adicionalmente, tamén se buscará a información técnica dispoñible sobre a caracterización ambiental dos áridos reciclados e o asfalto recuperado do Centro de Estudos e Experimentación de Obras, organismo cuxos traballos poderían servir de apoio técnico ao grupo.
A Consellería, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, asumirá a coordinación xeral dos traballos, que se organizarán en función das competencias de cada un dos implicados. Deste xeito, a AXI achegará a visión da obra pública nas súas distintas fases, GAIN apoiará os ensaios, innovación e identificación das solucións que precisen algún proxecto piloto, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas porá o foco na perspectiva industrial ao tempo que promoverá o uso do material reciclado nas canteiras, a Xunta Consultiva revisará o encaixe en proxectos, pregos e contratos públicos e o sector contrastará a viabilidade real e a capacidade de subministración, os custos, o transporte e as barreiras prácticas de implantación.